Saturday 04 de May de 2024

Mañá entran en servizo as tres novas estacións de BiciCoruña en Agrela, Marineda City e no Abente y Lago


Ademais, o Concello instalará este venres catro novas bases en Novo Mesoiro, Someso, O Birloque e A Maestranza

O Concello da Coruña activará este venres as tres novas estacións de BiciCoruña na rúa Gútemberg (polígono de Agrela), no camiño do Martinete lindeiro ao centro comercial Marineda City e, por último, na rúa San Francisco (na contorna do centro hospitalario Abente y Lago).

A nova estación da rúa Gútemberg, localizada diante do centro de negocios de Agrela, instalouse a mediados de abril tras executarse traballos de reurbanización na contorna, o que tamén permitiu ampliar o número de prazas de estacionamento en batería no lugar.
Esta base, que estará activa desde mañá, conta con 23 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.

A base de Marineda City, lindeira ao carril de saída do camiño do Martinete cara a avenida de Arteixo, conta con outros 23 ancoradoiros. A súa localización, próxima ao paso de peóns que dá acceso ao sector noreste do centro comercial, permite conectar coa pasarela de uso peonil e ciclista que remata no carril bici da avenida de Arteixo. A este respecto, e como paso previo á activación da base, Mobilidade executou o pasado luns diversos traballos para mellorar a sinalización na contorna da estación.

No referente á nova base situada na rúa San Francisco, a súa instalación concretouse diante do xardín que hai diante do Museo Militar. A idea orixinal era que esta estación se instalase diante do Castelo de San Antón, mais cambiouse a súa situación co obxectivo de facilitar o acceso ao servizo de BiciCoruña nun enclave, a contorna do hospital Abente y Lago, que ten unha relación moito máis directa coa mobilidade da cidadanía.